A última macro redada no Vao, un éxito que levou a prisión aos líderes de catro clans

Poio
10 de outubro 2018

A operación Clavao da Garda Civil, por primeira vez, permitiu acreditar que as persoas que se dedican ao  trapicheo de drogas nesa zona funcionan como un conxunto e non como entes illados. Ás persoas que están en prisión atribúeselles inicialmente un delito de pertenza a grupo criminal  

Macro redada da Garda Civil no Vao de Abaixo
Macro redada da Garda Civil no Vao de Abaixo / Mónica Patxot

A operación Clavao da Garda Civil que a semana pasada derivou na macro redada no poboado do Vao resultou todo un éxito a nivel policial e xudicial por varias cuestións, pero, fundamentalmente, por dous: acabou cos xefes de catro clans en prisión e, por primeira vez, permitiu acreditar que as persoas que se dedican ao trapicheo de drogas nesa zona funcionan como un conxunto e non como entes illados

Fontes xudiciais consultadas por PontevedraViva explicaron que a titular do Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra decretou o ingreso en prisión de todas as persoas solicitadas polo fiscal antidroga, Pablo Varela, e que o fixo atribuíndolle os dous delitos que este solicitaba: pertenza a grupo criminal e un delito contra a saúde pública cometido de forma sostida no tempo e relativo a substancias que causan grave dano á saúde. 

Un total de dez dos 26 detidos nesta operación están en situación de prisión provisional. Dous dos detidos xa ingresaran no cárcere o mércores, tras o seu arresto, pero non por este tema, senón porque tiñan requisitorias de detención e ingreso en prisión e un terceiro leva xa varias semanas entre reixas, pois a súa detención con diversas cantidades de cocaína e heroína foi o desencadenamento da macro redada desenvolvida do mércores. Os outros sete foron enviados a prisión o pasado venres

Trece dos 26 veciños do poboado do Vao foron postos a disposición xudicial ao longo da xornada do venres, nunha maratoniana xornada de declaracións que comezou sobre as 9.30 horas da mañá e terminou a última hora da tarde. Tras as súas comparecencias, ordenouse o ingreso doutros sete (cinco mulleres e dous homes), os sete que pediu o fiscal porque considera que hai risco de reiteración delituosa

A operación permitiu a desarticulación de catro clans que presuntamente se dedicaban ao tráfico de drogas e que se repartían o traballo por quendas. Un clan realizaba as vendas durante unha semana mentres os outros se mantiñan inactivos e así ían substituíndose. Os catro clans teñen xa persoas con antededentes policiais e xudiciais por tráfico de drogas por dedicarse á venda de droga desde este poboado e, entre eles, están o clan de La Coneja, o da Madalena e o da Joaquina. As matriarcas dos tres ingresaron en prisión e tamén o do cuarto grupo familiar investigado. 

O máis coñecido dos clans é o da Coneja, cuxa matriarca é María Dolores Jiménez Gabarre, que eludira o arresto e condena nas últimas operacións policiais contra o seu clan familiar, pero non así nesta ocasión. Tamén ten unha intensa actividade a matriarca do clan da Magdalena, María Magdalena Salazar Suárez, que xa foi condenada por tráfico de drogas no pasado e unha das persoas ás que fai dez anos derrubáronlle a chabola no Vao e foi reacollida sen éxito no barrio pontevedrés de Monte Porreiro. 

A constatación de que os detidos traballaban en grupo é un dos grandes éxitos deste operativo, pois habitualmente os operativos realizados no poboado permiten constatar que as familias traballan por separado, pero non un conxunto. Neste caso, as vixilancias realizadas durante meses pola Garda Civil confirmaron ese traballo en grupo e nun dos rexistros realizados localizouse unha proba documental que confirma que se organizaban para traballar. 

A pesar de que os xefes dos clans están en prisión, o temor que hai a nivel xudicial e policial é que nas súas familias haxa novas xeracións dispostas a continuar co negocio que agora aparentemente quedou descabezado.