A UNED aprobará o martes a cesión dos seus xardíns ao Concello de Pontevedra

Pontevedra
26 de novembro 2020

En base a este acordo, a UNED cede os terreos ao Concello. Este pasaría a asumir formalmente o mantemento dos xardíns e comprométese a realizar diversas obras de mellora, entre elas a creación dunha nova zona de acceso dende a rúa Italia e dunha rede de sendas de zahorra que permitirá moverse polos distintos espazos do parque

Xuntanza de Iván Puentes e Tino Fernández co director da UNED, Víctor González
Xuntanza de Iván Puentes e Tino Fernández co director da UNED, Víctor González / Concello de Pontevedra

A apertura dos xardíns da UNED en Monte Porreiro está máis preto. A xunta reitora da universidade prevé aprobar o próximo martes o convenio de cesión de esta zona verde que, a partir de agora, quedará nas mans do Concello de Pontevedra.

Será inicialmente una cesión por catro anos prorrogable por outros catro, segundo confirmaron os edís Tino Fernández e Iván Puentes tras a xuntanza mantida co director da UNED en Pontevedra, Víctor González.

O director amosouse convencido de que este convenio "é unha moi boa idea" que permitirá manter os xardíns, salvar algunhas árbores e plantar algunhas novas "e darlle vida a un centro que pertence ao barrio e que se ten que dar a coñecer á xente".

En base a este acordo, a UNED cede os terreos ao Concello. Este pasaría a asumir formalmente o mantemento dos xardíns e comprométese a realizar diversas obras de mellora, entre elas a creación dunha nova zona de acceso dende a rúa Italia e dunha rede de sendas de zahorra que permitirá moverse polos distintos espazos do parque.

Iván Puentes, responsable da área de Medio Natural, destacou que o parque deberá permanecer pechado ao público en horario nocturno, sendo precisamente esa unha das condicións que a UNED engadirá na redacción definitiva do convenio co Concello.

Neste encontro, os concelleiros socialistas propuxeron que a universidade a distancia colabore coa feira PonteSan e coas actividades e accións específicas que a área de Saúde pretende poñer en marcha na loita contra o alzhéimer, o párkinson ou as ludopatías.

Segundo Tino Fernández, o goberno municipal quere buscar sinerxías co maior campus de Europa para celebrar cursos, obradoiros, charlas informativas e encontros virtuais.

O director da UNED celebrou esta proposta e salientou as amplas posibilidades de espazo físico e virtual das que dispón un centro asociado que conta cuns 4.400 alumnos inscritos no ensino regrado e uns 6.800 a través da área de extensión universitaria.