A UNED clausura a VI edición do seu campus 'Inglés na miña contorna' celebrado en Portas

Umia
23 de xullo 2022

O Concello de Portas e a UNED clausuraron a VI edición do seu campus 'Inglés na miña contorna' no que participaron un total de 30 nenos e nenas. O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, e o director do Centro Asociado da UNED en Pontevedra, Víctor M. González, deron por finalizada esta nova edición facendo entrega dun diploma acreditativo da asistencia a esta inicitiva lúdico formativa

Nenos e nenas participantes no VI Campus de Inglés da UNED en Portas
Nenos e nenas participantes no VI Campus de Inglés da UNED en Portas / UNED

O Concello de Portas e a UNED clausuraron a VI edición do seu campus 'Inglés na miña contorna' no que participaron un total de 30 nenos e nenas.

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, e o director do Centro Asociado da UNED en Pontevedra, Víctor M. González, deron por finalizada esta nova edición facendo entrega dun diploma acreditativo da asistencia a esta inicitiva lúdico formativa. 

A iniciativa está coordinada polo Departamento de Extensión Universitaria e Actividades da UNED en Pontevedra, que dirixe Rafael Cotelo, e permite todos os anos que nenos e nenas con idades comprendidas entre os 10 e 15 anos se mergullan durante uns días nun campamento urbano bilingüe a través do cal aprenden a relacionarse utilizando como lingua vehicular o inglés. 

Durante as clases, o alumnado aprendeu a dominar as técnicas de comprensión e comunicación en inglés co fin de facerlles perder o medo para falar, gañar confianza e comunicarse dunha maneira natural entre eles e cos monitores.

Tamén ampliaron as relacións sociais e humanas, facendo novas amizades que permitan un maior afán de logro e o aumento da autoestima; fomentaron o traballo en equipo ou a responsabilidade individual con actividades deportivas e culturais e realizaron xogos e actividades físicas combinadas con tecnoloxías da información e a comunicación.

Nesta actividade colabora o Concello de Portas e estiveron como relatores Manuel Bea Pintos, profesor-titor do C.A. UNED Pontevedra e Grao en Estudos Ingleses: Lingua, Literatura e Cultura; Elisa Cotelo Remiseiro, graduada en Belas Artes, Máster en Dirección de Arte Publicitaria, Máster en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinos de Idiomas. Ademais é monitora de actividades de lecer e tempo libre; e Olga R-Walmisley, da Universidade de Kentucky.