A UNED e o sindicato SUP colaborarán en actividades científicas e culturais

Pontevedra
24 de novembro 2022

O director do centro, Víctor M. González, e o responsable de Formación da organización sindical, Carlos Lage formalizaron o protocolo que terá unha vixencia de 4 anos

Firma do convenio entre a UNED Pontevedra e o SUP Galicia
Firma do convenio entre a UNED Pontevedra e o SUP Galicia / UNED Pontevedra

A UNED en Pontevedra e o Sindicato Unificado da Policía (SUP) en Galicia asinaron un convenio de colaboración para fomentar as actividades de natureza científica, formativa e cultural entre ambas as institucións que permitirá marcar unha axenda de traballo conxunto neste campo para os próximos 4 anos. 

O Centro Asociado á UNED en Pontevedra estivo representado na firma do convenio polo seu director, Víctor M. González Sánchez, e o coordinador de Extensión Universitaria e Actividades Culturais, Rafael Cotelo Pazos, mentres que en nome do SUP en Galicia estiveron o responsable de Formación, Carlos Lage, e o secretario de Relacións Institucionais do sindicato, Jesús Vasconcellos Soliño. 

O centro universitario comprométese a garantir a organización material das actividades mediante a cesión do espazo, os medios técnicos e humanos e a infraestrutura administrativa necesaria. 

Tamén se concederá unha rebaixa do 50% nos cursos de idiomas de Extensión Universitaria realizados pola UNED en Pontevedra para os membros do SUP.