A Unión de Músicos Profesionais pon a Pontevedra como exemplo de boa xestión sanitaria dos concertos

Pontevedra
20 de agosto 2020

O colectivo, que agrupa a doce asociacións de toda España e está representado en Galicia por Músicas ao vivo, publicou en Facebook unha fotografía dun concerto na praza da Ferrería acompañada dun texto no que destacan as medidas sanitarias e de seguridade adoptadas en Pontevedra

Concerto de Laroá na praza de España
Concerto de Laroá na praza de España / Cristina Saiz

A Unión de Músicos Profesionales, que agrupa a doce asociacións de toda España e está representada en Galicia por Músicas ao vivo, subiu a Facebook unha publicación na que destaca a boa xestión dos concertos en Pontevedra en canto a medidas sanitarias e de seguridade para protexer aos asistentes fronte a contaxios por Covid-19.

Os músicos profesionais achegan unha fotografía dun concerto na praza da Ferrería onde se ve o respecto pola distancia de seguridade e a todos os asistentes, na zona acoutada para o público, sentados nas súas correspondentes cadeiras e portando máscara.

Na mesma publicación, acompañan a imaxe de Pontevedra coa doutro evento na cidade de Guadalaxara. Como indica a Unión de Músicos, "son só un par de moitas das que poderiamos exhibir" xa que defenden que "en todo o territorio español está a haber moita xente que se ocupa de respectar e facer respectar as normas de seguridade nos concertos". Por este motivo, no texto fan un chamamento a que todos os demais concellos continúen coa súa programación de eventos musicais, sen novas cancelacións, xa que celebralos con todas as medidas de seguridade é posible.

DESAPARICIÓN PROFESIONAL DE MILES DE MÚSICOS

Así mesmo, baixo o título "Un paso máis cara á desaparición da nosa profesión", a Unión de Músicos Profesionales emitiu un comunicado no que denuncia a situación crítica do sector derivada do recente anuncio de peche dos locais de lecer nocturno á unha da madrugada (con prohibición de entrada de novos clientes a partir das 12 da noite).

"O peche forzoso, masivo e indiscriminado do lecer nocturno acaba con toda a programación musical e artística que se levaba a cabo en salas e locais baixo o estrito cumprimento da normativa vixente en materia de protección ante o Covid19", manifestan os músicos profesionais.

Esta protesta esténdese ao caso dos eventos no exterior das salas e a horas máis temperás xa que a pesar da "existencia dunha normativa clara sobre a organización de eventos culturais, os concellos están a denegar masivamente permisos e anulando actividades que cumpren con todos os requisitos legais establecidos".

Mesmo lembran os músicos profesionais que "a día de hoxe aínda non se rexistrou nin unha soa repunta en concertos e actos culturais" e que, con todo, as cancelacións de eventos sucédense.

Para este colectivo, a situación actual implicará a "desaparición profesional" de "decenas de miles de músicos e profesionais" polo que esixe aos diferentes Gobernos, estatal, autonómicos e locais "responsabilidade, que protexan á cultura e aos milleiros de traballadores que viven dela, que non priven á nosa sociedade da música mediante a cancelación, denegación e a estigmatización dun sector que cumpre coas normativas de sanidade e é básico para o benestar e desenvolvemento cultural e social do noso país".