A Universidade Autónoma de Barcelona estudará e divulgará o modelo urbano de Pontevedra

Pontevedra
12 de febreiro 2015

Así se acordou nunha xuntanza que mantiveron este xoves o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, con profesores e investigadores do departamento de Xeografía da universidade barcelonesa, relacionados coa biodiversidade, a mobilidade, a seguridade diaria e a xestión pública

Miguel Anxo Fernández Lores e César Mosquera na Universidade Autónoma de Barcelona
Miguel Anxo Fernández Lores e César Mosquera na Universidade Autónoma de Barcelona / Concello de Pontevedra

A Universidade Autónoma de Barcelona (UAB) participará activamente na difusión do modelo urbano de Pontevedra. ÿ unha das liñas de traballo que se recollerá nun convenio marco que o centro educativo asinará proximamente co Concello de Pontevedra.

Así se acordou nunha xuntanza que mantiveron este xoves o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, con profesores e investigadores do departamento de Xeografía da universidade barcelonesa, relacionados coa biodiversidade, a mobilidade, a seguridade diaria e a xestión pública.

O encontro, que se celebrou en Barcelona aproveitando a participación de Fernández Lores nunha conferencia para Iberoamérica, avanzou no ámbito de favorecer o intercambio de experiencias e coñecemento en materia de xestión sustentable

Ambas partes concluíron o gran interese que a nivel científico ten Pontevedra para o intercambio de datos e coñecementos relacionados con estes campos, tanto a nivel de comparativas, elaboración de informes e teses doutorais ou o estudo de diferentes parámetros.

Este grupo de traballo, inserido na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade, traballa con outros grupos de Iberoamérica, especialmente de universidades de México, Perú e Arxentina.