A Universidade de Vigo e a Escola Naval Militar reafirman a súa colaboración a través da Cátedra Álvarez-Ossorio

Pontevedra
13 de xuño 2022

O vicerreitor do campus de Pontevedra en funcións, Jorge Soto, e o comandante director da Escola Naval Militar (ENM) de Marín, o capitán de navío Pedro Cardona, presentaron este luns o "acto de sinatura simbólica" da renovación da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio

Jorge Soto e Pedro Cardona
Jorge Soto e Pedro Cardona / Universidade de Vigo

O vicerreitor do campus de Pontevedra en funcións, Jorge Soto, e o comandante director da Escola Naval Militar (ENM) de Marín, o capitán de navío Pedro Cardona, presentaron este luns o "acto de sinatura simbólica" da renovación da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, que foi creada en 1997 ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e o Ministerio de Defensa, como un órgano de relación institucional para temas culturais, técnicos e humanísticos.

A Cátedra estaba inicialmente ligada á antiga Escola de Transmisións e Electrónica da Armada (ETEA), pero dende o ano 2003 ten sede na Escola Naval Militar de Marín. 

Este luns a Universidade e o Ministerio reafirmaron a súa vontade de "manter e potenciar o desenvolvemento" da cátedra, a través da sinatura dun novo convenio para "fomentar as súas relacións de colaboración e a promoción conxunta de temas culturais, técnicos humanísticos".

"Nun país no que moitas veces ás iniciativas perden impulso rapidamente, estamos celebrando un cuarto de século de actividade constante e de calidade", salientou o vicerreitor.

O acto contou coa participación de Antonio Álvarez-Ossorio, fillo do almirante que dá nome á cátedra que alberga "conferencias, traballos de investigación e actividades culturais". 

Jorge Soto destacou a importancia de que a cátedra vaia máis aló da organización de relatorios para "entroncar directamente con dúas pezas importantes para a ENM como son a sociedade de Marín e a Universidade de Vigo". 

Pola súa banda, Cardona destacou que o obxectivo da cátedra é contribuír o achegamento da Armada "á sociedade civil" e puxo de relevo a "calidade excepcional" dos conferenciantes que pasaron pola mesma ao longo destes 25 anos. 

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora