A urbanización do Revel comezará en febreiro e vai a facela a empresa COVSA

Sanxenxo
28 de xaneiro 2021

As obras prevese que dean comezo durante o próximo mes de febreiro e estarán listas antes do inicio do próximo curso escolar

Plano de urbanización do Revel
Plano de urbanización do Revel / Concello de Sanxenxo

A empresa COVSA cunha oferta económica de 1.241.968 euros é a proposta seleccionada para executar os traballos de urbanización do Revel que darán comezo durante o próximo mes de febreiro.

A previsión do Concello de Sanxenxo é que a adxudicación se formalice nos próximos días para que a obra comece canto antes e estea lista para o inicio do próximo curso escolar cando se prevé a inauguración do novo colexio.

A firma seleccionada comprométese a realizar todas as melloras recollidas no prego e que ten que ver coa iluminación e a xardinería da zona verde.

COVSA amplía o prazo de garantía da obra a seis anos, fronte os cinco recollidos no prego.

O proxecto de urbanización contempla catro viarios, con dous carrís de 3 metros, unha rotonda que axudará a achegar fluidez ao tráfico e a dotación de 84 prazas de estacionamento. As beirarrúas previstas terán unha anchura mínima de 2 metros e unha máxima de 4,5 metros. 

A obra contempla a mellora do saneamento, abastecemento e subministración de enerxía eléctrica, incluídas as instalacións de condución, transformación, distribución e iluminación público, así como as infraestruturas telefónicas e de telecomunicacións.

O proxecto conta cun apartado propio para o tratamento dos espazos libres e para a protección dun pequeno regato, a flora e fauna existente na contorna. Así se recolle a limpeza do leito, preservando especies como os salgueiros e amieiros, e a colocación de valos de madeira nalgúns tramos para protexer as zonas sensibles.