A urbanización dos Campos incluirá algúns cambios a petición da veciñanza

Pontevedra
19 de outubro 2020

A principal modificación adóptase para dar cabida a unha demanda veciñal e consiste nun cambio do sentido de circulación no camiño situado entre a zona de vivendas e a parte posterior do centro social dos Campos e do local do GDR

Asemblea cos veciños dos Campos
Asemblea cos veciños dos Campos / Concello de Pontevedra

O proxecto para a urbanización da zona dos Campos, na que o goberno municipal está a reformar o centro social e o local do GDR e a construír unha nova estrada ata Tafisa, incluirá pequenas modificacións que foron solicitados polos veciños.

Para recoller estas achegas, os edís Demetrio Gómez e Alberto Oubiña mantiveron unha asemblea coa veciñanza para informar do desenvolvemento das obras e destes cambios.

A principal modificación adóptase para dar cabida a unha demanda veciñal e consiste nun cambio do sentido de circulación no camiño situado entre a zona de vivendas e a parte posterior do centro social e do local do GDR.

Esta vía orixinalmente estaba deseñada como de subida (entrando desde Pontevedra) e quedará de baixada cara a cidade e, en todo caso, só será de acceso para residentes.

No mesmo tramo, na parte frontal das vivendas incluirase unha beirarrúa e unha fileira da calzada destinada a aparcadoiro, que tampouco estaba previsto no proxecto orixinal.

Os concelleiros tamén informaron dunha pequena modificación na zona traseira do centro social dos Campos e do local do GDR onde toda a contorna quedará integrada como unha zona verde única para ambos edificios, sen as separacións previstas, por cuestións de accesibilidade.

En canto á marcha das obras nos propios edificios, explicaron que no caso do local do GDR foi preciso facer unha pequena modificación debido a que a estrutura estaba en moi malas condicións, circunstancia que non se puidera comprobar ata comezar a actuación.

No caso do centro social dos Campos realizarase un cambio de situación do almacén, que pasará a situarse debaixo do escenario. Neste momento, os traballos están avanzando precisamente na zona de escenario e gradas, así como na instalación de material illante no tellado para a posterior colocación da tella.

Os proxectos do núcleo de centralidade dos Campos e do novo vial a Monte Porreiro, cuxas obras comezaron o pasado mes de xuño, suman un investimento de 2,3 millóns de euros.