A urbanización exterior do vello mercado de Moraña completará a súa rehabilitación

Umia
26 de novembro 2019

Moraña vén de iniciar a urbanización exterior da contorna do antigo mercado, unha actuación que permitirá completar a rehabilitación integral dun inmoble que será destinado a centro social multiusos. Estas obras complementarias teñen un orzamento de 48.322 euros, procedentes do superávit do propio Concello

Obras de urbanización exterior do antigo mercado de Moraña
Obras de urbanización exterior do antigo mercado de Moraña / Concello de Moraña

Moraña vén de iniciar a urbanización exterior da contorna do antigo mercado, unha actuación que permitirá completar a rehabilitación integral dun inmoble que será destinado a centro social multiusos. Estas obras complementarias teñen un orzamento de 48.322 euros, procedentes do superávit do propio Concello.

As obras, que tamén favorecen a integración do recuperado edificio coa carballeira de Santa Lucía, consisten na renovación e ampliación das beirarrúas adxuntas ao mercado ou a instalación de iluminación ornamental vertical dende o chan.

A construción dun muro con xardinaría, a colocación de plantas e dunha varanda na escaleira, a habilitación de prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida e para carga e descarga e a dotación de nova sinalización, así como outros aspectos de mellora estética e a instalación de mobiliario urbano, completan a actuación.

Prevén que estas obras de urbanización estean concluídas nun prazo de entre tres e catro semanas, para poder proceder á inauguración do antigo mercado e as súas renovadas instalacións ás portas do Nadal, na segunda quincena de decembro, e comezar deste xeito a empregalo para as múltiples actividades destas datas festivas.

O antigo mercado, no que se investiron máis dun millón de euros no seu acondicionamento interior e na reposición da cuberta con fondos procedentes da Deputación e da Xunta, quedou convertido nun moderno centro sociocultural e multiusos que dará cobertura ás moitas actividades da vida social do municipio.

A actuación incluíu a restauración integral do edificio mantendo a súa fachada tradicional cara a carballeira e habilitando un amplo auditorio, dúas aulas formativas, un patio cuberto para actividades de lecer, unha zona polivalente orientada especialmente á terceira idade e estancias para servizos, como aseos, despachos, zona de control ou cafetería.