A variante de Alba, "tema acabado" para o Concello porque a Xunta "non quere facela"

Pontevedra
02 de xaneiro 2020

Esta resposta municipal chegou horas despois de que o vicepresidente galego, Alfonso Rueda, garantise que a variante de Alba, co trazado rexeitado polos veciños e polo propio Concello, "non se vai a facer" e instase ao goberno municipal a buscar o consenso cun novo itinerario que una a PO-531 coa N-550

Ethel Vázquez e Miguel Anxo Fernández Lores
Ethel Vázquez e Miguel Anxo Fernández Lores / Mónica Patxot

O proxecto da variante de Alba, paralizado pola Xunta tras o rexeitamento veciñal, é un "tema acabado" para o Concello. Así o sinalou este xoves César Mosquera, responsable municipal de infraestruturas, que lamentou que o goberno galego " non quere facela".

"O Concello entende que a Xunta ten decidido non facela", explicou Mosquera, polo que o goberno municipal non dará máis pasos para tratar de desbloquear esta situación.

O edil do BNG reiterou que o responsable desta infraestrutura errada é o executivo autonómico que, coa decisión de paralizar o proxecto e pedir un novo trazado ao Concello, "recoñecen", ao seu xuízo, que son "perfectamente inútiles".

O trazado proposto, lembrou Mosquera, foi defendido pola Xunta como o "único viable" e, tras anos de tramitación, "agora recoñecen que é malo".

"Se a Xunta está contenta coa PO-225 non podemos facer nada", engadiu.

Esta resposta chegou horas despois de que o vicepresidente galego, Alfonso Rueda, garantise que a variante de Alba, co trazado rexeitado polos veciños e polo propio Concello, "non se vai a facer" e instase ao goberno municipal a buscar o consenso cun novo itinerario que una a PO-531 coa N-550.

"Pouco ten que ver o lío veciñal de Campañó co de Praceres", sinalou Rueda en referencia á oposición á ampliación da EDAR

"Non é un problema de orzamento", destacou Rueda, que reiterou que a variante non pode seguir adiante "con tanta oposición veciñal" en Campañó.

O vicepresidente galego, con todo, entende que esta situación "non é comparable" coa que vive Praceres coa ampliación da depuradora. "Pouco ten que ver o lío veciñal de Campañó co de Praceres", sinalou.

Rueda entende que "non é o mesmo" o número de persoas nin de afectados que protestan pola depuradora fronte aos que o fan coa variante e, ademais, lembrou a ameaza de sancións por parte da Unión Europea pola deficiente depuración da ría.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en