A veciñanza de Forzáns promove unha plataforma contra a creación do encoro no río Oitavén

Ponte Caldelas
14 de abril 2022

Despois de coñecer a existencia dun estudo encargado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Concello de Vigo para construír a infraestrutura, residentes desta parroquia de Ponte Caldelas, anuncian que recabarán información e solicitarán a colaboración veciñal, asociativa e de colectivos sociais, ecoloxistas e medioambientais para evitar esta obra

Río Oitavén
Río Oitavén / Turismo Rías Baixas - Deputación de Pontevedra

Reacción inmediata na parroquia de Forzáns de Ponte Caldelas. Unha vez coñecido o estudo encargado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Concello de Vigo para construír un encoro no río Oitavén que achegue auga á cidade olívica, residentes na zona mantiñan un encontro para sentar as bases que permitan crear unha plataforma veciñal contra ese proxecto.

Consideran que esta obra afectaría de maneira directa sobre as parroquias pertencentes aos municipios de Ponte Caldelas, Fornelos de Montes, A Lama e tamén Soutomaior. Na reunión mantida este mércores decidiron formar unha comisión como paso previo a unha plataforma de afectados á que convidarán a veciñanza, comunidades de montes, colectivos sociais e veciñais, ademais de entidades ecoloxistas que xa participaron noutras loitas ambientais.

Ao encontro asistían representantes da asociaciación de veciños de Forzáns, a asociación cultural, a comunidade de montes e da asociación de veciños de  Vilán, de Fornelos de Montes. Todos entenden que é necesario opoñerse a este proxecto impulsado desde o municipio de Vigo.

Os primeiros pasos da comisión de traballo centraranse en obter información das administracións públicas sobre o alcance real do proxecto. Queren coñecer en que fase do proceso atópase este proxecto e como afecta directa e indirectamente ao medio ambiente en caso de acometerse.

Nos próximos días establecerán contacto con outros colectivos como Pladever e A Rente do Chan, comunidades de montes e diferentes organizacións co obxectivo de establecer unha fronte común ao entender que será lesivo para a biodiversidade e para o propio río Oitavén.

Demandan unha auditoría sobre a rede de abastecemento de auga a Vigo, medidas correctoras do enorme caudal que se perde nas canalizacións, actualizar a depuradora do Casal e realizar campañas sobre a concienciación cidadá sobre o uso resposable da auga.

Mesmo defenden fórmulas alternativas como a creación de plantas desalinizadoras para cubrir as necesidades da poboación viguesa.