A Verdura, sen bancos durante uns días

Pontevedra
17 de novembro 2015

A praza da Verdura perdeu un dos seus símbolos máis recoñecidos... os seus bancos. Pero tranquilos, que non se debeu a ningún acto vandálico e tan só será unha ausencia momentánea. Operarios do Concello de Pontevedra procederon á súa retirada nas últimas horas para realizar tarefas de mantemento na decena de bancos que, habitualmente, están situados neste ámbito urbano

A Praza da Verdura, sen bancos
A Praza da Verdura, sen bancos / PontevedraViva

A praza da Verdura perdeu un dos seus símbolos máis recoñecidos... os seus bancos. Pero tranquilos, que non se debeu a ningún acto vandálico e tan só será unha ausencia momentánea.

Operarios do Concello de Pontevedra procederon á súa retirada nas últimas horas para realizar tarefas de mantemento na decena de bancos que, habitualmente, están situados neste ámbito urbano.

Segundo o concelleiro responsable do centro histórico, Luís Bará, trátase duns traballos que cada ano realízanse nos bancos de toda a cidade. Vanse retirando por zonas para reparar os danos que poidan ter, pintalos e vernizalos.

Os da Verdura están xa en talleres, quedando só na praza as ancoraxes de cada un destes bancos. Dependendo das condicións climatolóxicas, estes traballos durarán máis ou menos tempo, aclarou o edil.

En todo caso, desde o goberno municipal aseguran que serán devoltos ao seu sitio habitual nos próximos días.