O vestíbulo do Pazo Provincial de Pontevedra acolle ata o próximo 20 de xullo unha mostra de 21 fotografías en branco e negro que retratan o día a día de persoas con parálise cerebral. Trátase de imaxes realizadas por persoas que a padecen, familiares e voluntarios e profesionais que traballan con eles a diario e buscan trasladar á sociedade a vida cotiá deste colectivo.
A exposición, realizada pola Federación ASPACE- Galicia, é itinerante e terá como próximo destino Segovia, pero antes permanecerá dúas semanas en Pontevedra co obxectivo de dar difusión e visibilización da realidade das persoas con parálise cerebral e trasladar que, máis alá da súa discapacidade, a súa vida é como a de calquera persoa.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o xerente de ASPACE-Galicia, Ignacio Pérez; a xerente de Amencer-Aspace, Mónica Touriño; e a deputada de Servizos Sociais, Digna Rivas, inauguraron a mostra este venres acompañadas por un grupo de personas con parálise cerebral que forman parte desta asociación.
Esta mostra quere amosar á cidadanía que as persoas con parálise teñen "todas as capacidades para vivir en igualdade", segundo explicou Carmela Silva, que mantén que "unha sociedade moderna, democrática e avanzada debe contar con todas as persoas que a forman".
As 21 fotografías que a integran foron finalistas ou gañadoras do VI Concurso de Fotografía ASPACE ou foron cedidas polo taller de fotografía 'Di Patata' da Asociación Valenciana de Axuda á Parálise Cerebral. Van acompañadas por uns pequenos textos reivindicativos nos que se recollen diferentes demandas do colectivo relacionadas co seu empoderamento.