A xente fai súa a nova zona de estancia ao carón da Casa do Concello

Pontevedra
08 de agosto 2023

Foi retirar o valado e de seguido os cidadáns fixeron seu o novo espazo remodelado ao carón da Casa Consistorial. A reforma realizada completa a Praza de España e crea unha zona de descanso con numerosos bancos que semellan unha estación de paso ou unha sala de espera

Bancos na zona de estancia ao carón da Casa do Concello
Bancos na zona de estancia ao carón da Casa do Concello / PontevedraViva

Foi retirar o valado e de seguido os cidadáns fixeron seu o novo espazo remodelado ao carón da Casa Consistorial. A reforma realizada completa a Praza de España e crea unha zona de descanso con numerosos bancos que semellan unha estación de paso ou unha sala de espera.

A reforma supuxo unha rehabilitación integral da zona e un gran cambio na estética e accesibilidade.

"Abrimos un espazo no que cunha simple ollada xa vemos que gañou moitísimo toda esta praza", indicou o edil de Obras, César Mosquera, acompañado da alcaldesa en funcións, Eva Vilaverde, durante unha visita ao lugar. 

"Durante moitos anos a praza maior de Pontevedra foi a Ferraría, mais chegou un momento en que quedou escasa: os concertos e as actividades atraían máis xente cada vez" foi entón cando a Praza de España, segundo dixo Mosquera "pasou a ser esa praza maior que acolle eventos, festas, eventos deportivos... que agora queda completada con esta reforma".

Mosquera sinalou que o resultado da actuación é "moi afortunado", grazas ás solucións que foron escollidas para sacar adiante a reforma, tales como o aproveitamento dos antigos baños en desuso para albergar os novos sistemas de climatización da Casa Consistorial. A obra trouxo consigo tamén a renovación dos servizos soterrados, unha mellora da iluminación, a creación dunha plataforma única xerando unha praza e a posibilidade de conservar o fento xigante do antigo xardín.

Doutra banda, o edil destacou a instalación dos novos bancos, "de sol e sombra, dependendo das horas do día e da época do ano", e que cumprirán coa súa función "á perfección" nunha obra "que supón un agarimo para o espazo público". 

"Agardamos que a xente desfrute desta zona desde xa e de cara ás festas e aos concertos da Peregrina", desexou o concelleiro.

O custe total da reforma do lateral foi de 258.846 euros, sendo a empresa Construcciones Ramírez a encargada de facer realidade o proxecto.