A Xerencia da área sanitaria analiza as ausencias de médicos no centro de saúde de O Grove

O Salnés
16 de xaneiro 2019

O xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez mantivo este mércores unha xuntanza técnica, solicitada por membros da corporación municipal grovense, na que lles informou de cuestións e previsións diversas

Dous profesionais médicos
Dous profesionais médicos / Saludand

O xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez mantivo este mércores unha xuntanza técnica, solicitada por membros da corporación municipal, para analizar a situación da cobertura sanitaria de Atención Primaria no Concello de O Grove.

Na citada reunión, celebrada no Hospital Montecelo, informouse aos representantes públicos mecos que nestas últimas semanas producíronse catro ausencias de profesionais médicos no centro de saúde de O Grove, dúas delas causadas por unha incapacidade temporal e outras dúas por vacacións e permisos. Destas catro ausencias, a Xerencia substituiu dúas, sendo as outras dúas cobertas por axendas de intersubstitución.

Polo tanto, do equipo de sete Médicos de Familia cos que conta o centro de saúde de O Grove estaban a prestar atención un total de cinco facultativos. José Ramón Gómez subliñou que o feito de non poder substituir as outras dúas ausencias foi pola non dispoñibilidade de profesionais na lista de contratación.

Por outra banda, abordouse a vindeira xubilación de dous médicos de familia no centro de saúde de O Grove. Ambos facultativos cesarán na súa actividade a finais de febreiro e a mediados de marzo do presente ano 2019. Como é habitual nesta área sanitaria a cobertura das vacantes prodúcese dúas veces ao ano, unha no primeiro semestre -xeralmente no mes de abril- e outra no segundo semestre, concretamente no mes de novembro. Neste caso, a Xerencia procederá á cobertura das vacantes con interinidades no momento que ambas prazas queden vacantes.

Tamén se analizou o efecto que as ausencias de profesionais médicos poderían producir no Punto de Atención Continuada grovense, sobrecargando dito recurso asistencial. A este respecto, o xerente amosou aos representantes públicos grovenses os datos de actividade que se desenvolveu no PAC de O Grove durante os últimos anos que reflicten unha dinámica asistencial similar durante os tres anos, sen sobrecargas nin aumentos de actividade no Punto de Atención Continuada grovense.

FORMACIÓN NA ESPECIALIDADE DE MEDICINA DE FAMILIA

Finalmente, no transcurso da xuntanza amosáronse as cifras de profesionais que se están a formar na especialidade de Medicina de Familia. Así, o pasado ano 2018 remataron a súa formación nesta área sanitaria un total de 10 médicos residentes de familia dos que oito quedaron prestando os seus servizos facultativos e os dous restantes optaron por prestar servizo noutros puntos de Galicia.

No presente ano 2019 rematarán a súa formación un total de 13 médicos de familia.