A Xunqueira de Ponte Sampaio acollerá o sábado unha nova sesión do programa Saúde na Rúa

Pontevedra
29 de setembro 2020

A actividade organizada pola Concellería de Deportes en colaboración coa firma Fai Deporte desenvolverase a partir das 17:30 horas. En caso de choiva, instalarase unha carpa

Zumba baixo o sol na Ferrería
Zumba baixo o sol na Ferrería / PontevedraViva

A Xunqueira de Ponte Sampaio será escenario o vindeiro sábado 3 de outubro dunha nova sesión da iniciativa Saúde na Rúa, organizada pola Concellería de Deportes en colaboración coa asociación Fai Deporte co obxectivo de reiniciar a práctica de actividade física ao aire libre en barrios e parroquias de Pontevedra e combater o sedentarismo nestes tempos de pandemia.

A participación no programa, que se desenvolverá entre as 17:30 e as 20:00 horas, requirirá unha vez máis de inscrición previa a través do teléfono 672 63 23 60 ou da dirección de correo electrónico [email protected], e levarase a cabo en grupos reducidos (cun máximo de dez persoas) e coas máis estritas medidas de seguridade: parcelas individuais pintadas no chan, toma de temperatura e xel hidroalcólico. No caso de choiva, instalarase unha carpa.

Trátase da terceira sesión das catro previstas nesta primeira quenda de actividades de Saúde na Rúa, despois de que o programa pasase xa por Estribela e Monte Porreiro (a última xornada terá lugar en Santa María de Xeve).

En todo caso, tal e como constata o tenente de alcalde e edil de Deportes, Actividade Física e Saúde, Tino Fernández, "a iniciativa, pensada para que persoas de tódolos grupos de idade e estados de forma retomen o gusto pola práctica deportiva e tomen conciencia da súa importancia para manter unha saúde forte, tivo unha moi boa acollida, polo que sen dúbida terá continuidade noutros lugares do municipio".

O programa Saúde na Rúa ten un carácter inclusivo, está deseñado para que poida participar todo o mundo, realizando unha actividade física moi básica e sinxela acompañada por música e que integrará disciplinas como a ximnasia de mantemento, o pilates, a zumba ou o aeróbic.

Cada sesión está pensada para a celebración de dúas ou tres aulas de entre 30 e 40 minutos e grupos de 10 participantes (a duración está en función da xente que se inscriba).

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora