A Xunta, a favor da celebración de verbenas durante este verán

Pontevedra
26 de maio 2020

Alfonso Rueda, vicepresidente do Goberno galego, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantiveron unha videoconferencia este luns con representantes do sector profesional das orquestras coa intención de traballar na planificación destas actividades no período post Covid-19

Panorama nunha verbena no Grove (arquivo)
Panorama nunha verbena no Grove (arquivo)

Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantiñan este luns un encontro por  vídeoconferencia con representantes do sector profesional das orquestras da comunidade para estudar a  sitaución actual e as posibilidades que se presentan para este verán, atendendo á situación actual marcada pola Covid-19.

A Asociación Galega de Orquestras, Gaias Eventos Musicales, a Asociación de Representantes Técnicos de Galicia e a Asociación de Empresarios da Música da Verbena Galega (ASEVEGA) formaron parte deste encontro telemático e expuxeron que numerosas familias viven deste sector na comunidade autónoma, sobre todo no período estival.

Os representantes do executivo mostráronse favorables a que se poidan celebrar verbenas este verán e sinalaron que as condicións debe marcalas o Goberno Central mentres permaneza a situación do estado de alarma. Unha vez superada esa situación, serán os propios concellos os que terán que regular a celebración de verbenas atendendo ás medidas de seguridade. Segundo apuntaron desde a Xunta, as condicións terán que ser diferentes ás habituais debido ao perigo de  contagios.

Desde a administración autonómica recoñecen a relevancia social e económica que teñen as orquestras en Galicia, ao tratarse dun fenómeno moi arraigado nas celebracións populares de Galicia.