A Xunta adapta os horarios dos buses entre Pontevedra e O Grove á demanda de verán

Pontevedra
07 de agosto 2023

Para atender o aumento da demanda propio destas datas, increméntanse os vehículos de reforzo en ambos os dous sentidos

Os alcaldes de Poio e Sanxenxo, Ángel Moldes e Telmo Martín, reúnense coa conselleira Ethel Vázquez
Os alcaldes de Poio e Sanxenxo, Ángel Moldes e Telmo Martín, reúnense coa conselleira Ethel Vázquez / Xunta de Galicia

A Xunta adaptará os horarios dos servizos de autobús entre O Grove e Pontevedra á demanda rexistrada na tempada de verán desde este luns 7 de agosto.

Así se acordou a semana pasada tras a xuntanza celebrada entre a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e os alcaldes de Sanxenxo e Poio, Telmo Martín e Ángel Moldes, respectivamente, un encontro de traballo no que tamén participou o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.

Tras analizar o estado da oferta e a demanda, os novos horarios que se activan desde hoxe adáptanse de mellor xeito á realidade do tráfico propia do mes de agosto e evitarán posibles desaxustes nas horas de chegada aos puntos de paso recollidos na oferta actual.

Os cambios materializaranse nas horas de paso polas respectivas paradas das liñas O Grove estación de autobuses- Pontevedra estación de autobuses; e O Grove estación de autobuses - Portonovo - Pontevedra estación de autobuses, tanto nas expedicións de ida como nas de volta. 

Estas modificacións terán como consecuencia un pequeno aumento na duración das viaxes de entre 5 y 13 minutos respectivamente.

Por outra banda, co obxectivo de atender o aumento da demanda da tempada estival entre Pontevedra e Sanxenxo, activaranse vehículos de reforzo adicionais para ambos os dous sentidos, sempre que sexa necesario. 

Con esta decisión, a Xunta garante o correcto desenvolvemento dos desprazamentos en períodos de grande afluencia turística, contribuíndo a que os usuarios accedan aos servizos con maior seguridade.

A Xunta tamén ten demandando á concesionaria a disposición de máis e mellor información dos servizos de autobús nas paradas.

A información dos horarios de paso dos servizos actualizada poderá ser consultada na web www.bus.gal.