A Xunta adxudica o proxecto para instalar un paso de peóns con semáforo en Chancelas

Poio
03 de marzo 2020

O prazo de execución da obra, que levará a cabo a empresa Setga, é dun mes e o orzamento ascende a 38.000 euros

Avenida de Chancelas (Poio)
Avenida de Chancelas (Poio) / PontevedraViva - Arquivo

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade acaba de adxudicar as obras de instalación dun paso de peóns con semáforo na estrada PO-308 na localidade de Chancelas, no termo municipal de Poio.

Cun investimento de 38.000 euros, a empresa Setga será a encargada de executar un proxecto encamiñado a mellorar a seguridade viaria dunha estrada que os veciños levan anos esixindo. Os traballos comezarán nas próximas semanas e o prazo de execución é dun mes.

Trátase dun plan que ten como finalidade dar resposta a unha demanda dos veciños da zona que solicitaron medidas que lles facilite cruzar a estrada en condicións de seguridade. Despois de avaliar as diferentes alternativas, a Axencia Galega de Infraestruturas decidiu acometer a que permite garantir en mellores condicións a seguridade dos usuarios.

A obra consiste na instalación dun semáforo con pulsador detrás da parada de autobús. A actuación completarase posteriormente con melloras na seguridade viaria recollidas no proxecto de senda peonil entre Combarro, Chancelas e Samieira.