A Xunta agarda rematar a vacinación da primeira dose a mediados deste mes de xaneiro

Pontevedra
05 de xaneiro 2021

A Consellería de Sanidade confirma a vacinación, na primeira semana, de máis de 12.000 persoas de 152 centros sociosanitarios. Xa administrou o 65% das vacinas da primeira remesa enviada polo Goberno central. Sanidade mantén, polo de agora, unha reserva dun terzo das vacinas por si se produce unha rotura do stock, para garantir a administración da segunda dose

Unha persoa recibindo a vacina da covid-19
Unha persoa recibindo a vacina da covid-19 / Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia vacinou, ata este luns, coas primeiras 18.500 doses, a algo máis de 12.000 persoas de 152 centros sociosanitarios, cumprindo o plan elaborado pola Consellería de Sanidade, segundo o cal, cada semana vacinaranse arredor de 12.200 persoas, aínda que non se descarta vacinar a máis, se se garante a chegada comprometida polo Ministerio de Sanidade.

Ata o de agora, a Xunta recibiu 37.500 doses, das que 18.550 pertencen á última remesa que chegou o pasado luns, día 4 de xaneiro.

Este martes estaba previsto vacinar a 4.715 persoas máis. Non se puido administrar ata hoxe polo tempo para adecuar a temperatura.

A previsión é rematar a vacinación da primeira dose a mediados deste mes de xaneiro.

O departamento sanitario galego mantén, polo de agora, unha reserva dun terzo das vacinas por si se produce unha rotura do stock, para garantir a administración da segunda dose.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) quere agradecer o excelente traballo dos equipos de vacinación, "persoal de enfermería que está a traballar cunha gran profesionalidade e unha actitude impecable".