A Xunta alega que reforzou a presenza de persoal nos xulgados de Vilagarcía con dúas prolongacións de xornada

O Salnés
07 de setembro 2018

A Vicepresidencia da Xunta de Galicia indica que desde xullo adoptou esta medida no Xulgado de primeira Instancia e Instrución nº 1 ante a situación de pendencia detectada na orde penal

Xulgados de Vilagarcía
Xulgados de Vilagarcía /

A Xunta respondeu ás queixas do sindicato Alternativas na Xustiza- CUT sobre a escaseza de persoal nos xulgados de Vilagarcía.

A Consellería de Xustiza que lidera o vicepresidente autonómico Alfonso Rueda indica que se estableceron desde xullo dúas prolongacións de xornada no Xulgado de primeira Instancia e Instrución número 1 ante a situación de pendencia detectada no departamento penal.

A medida, segundo apuntan desde a Xunta de Galicia, foi adoptada despois de que o servizo de inspección do Consello Xeral do Poder Xudicial comunicase ao goberno de Alberto Núñez Feijóo a situación de atraso na tramitación de expedientes que se rexistraba no xulgado. 

Segundo apuntan desde a administración autonómica, a Dirección Xeral de Xustiza en consenso coa responsable do xulgado e co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia decidiu reforzar a presenza de persoal coas prolongacións de xornada de dúas persoas con experiencia nesta orde xurisdicional.