A Xunta anuncia o inmediato inicio das obras do saneamento en Tenorio

Cerdedo Cotobade
01 de decembro 2018

Trátase da execución dunha rede de colectores de saneamento para augas fecais, e a instalación dunha estación depuradora de augas residuais en Tenorio, para solucionar o problema de dispersión das actuais infraestruturas de saneamento neste municipio

Ethel Vázquez e Jorge Cubela
Ethel Vázquez e Jorge Cubela / Xunta de Galicia

A Xunta formalizou a contratación das obras de mellora do saneamento da parroquia de Tenorio, no Concello de Cerdedo-Cotobade, cun investimento de 1,8 millóns. Así, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, vén de comunicarlle ao alcalde o inmediato inicio desta actuación.

Trátase da execución dunha rede de colectores de saneamento para augas fecais e a instalación dunha estación depuradora de augas residuais en Tenorio, para solucionar o problema de dispersión das actuais infraestruturas de saneamento neste municipio.

O contrato asinado pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inclúe a redacción de proxecto, execución de obra e posta en marcha, sendo adxudicados os traballos á UTE Uncisa Construcciones e Infraestructuras SAU-Hordescon S.L.

As actuacións para a mellora do saneamento da parroquia de Tenorio dispoñen dun prazo total de 25 meses, tres para a redacción do proxecto construtivo, dez para a execución das obras e os outros doce meses restantes para a súa posta en marcha.

Na reunión mantida en Santiago entre a titular do departamento de Infraestruturas da Xunta e o rexedor municipal se avaliou esta intervención impulsada a través de Augas de Galicia, no marco do convenio de colaboración existente entre a administración autonómica e a local.

Esta actuación está incluída no programa operativo FEADER. Finánciase nun 75% con cargo ao mesmo e está cofinanciada con fondos propios de Augas de Galicia.