A Xunta aprobará en novembro as expropiacións para reformar a PO-234 en Laxoso

Ponte Caldelas
31 de outubro 2018

Así llo trasladou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, con representantes da plataforma da estrada PO-234, da asociación de veciños e da comunidade de montes de Laxoso

Xuntanza de Ethel Vázquez cos veciños de Laxoso pola estrada PO-234
Xuntanza de Ethel Vázquez cos veciños de Laxoso pola estrada PO-234 / Xunta de Galicia

O goberno galego aprobará o próximo mes de novembro o decreto de expropiacións para reformar a estrada PO-234 entre Ponte Caldelas e Laxoso para, a continuación, licitar as obras, cun investimento duns 650.000 euros.

Así llo trasladou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, con representantes da plataforma da estrada PO-234, da asociación de veciños e da comunidade de montes de Laxoso.

A conselleira destacou que a vontade do seu departamento é executar o acondicionamento completo desta estrada autonómica que conecta Ponte Caldelas e Augasantas, polo que o vindeiro ano se redactará o proxecto da terceira fase, é dicir, do tramo Laxoso- Portasouto.

A Xunta, recordou Ethel Vázquez, co obxectivo de avanzar no proxecto, dividiuno en tres fases, iniciando os traballos no tramo situado en Cerdedo-Cotobade, entre Augasantas e Portasouto, que xa está a disposición dos veciños. 

As obras comezaron nesta parte da vía ao dispor o Concello de Cerdedo- Cotobade dos terreos necesarios para a execución das mesmas. Non obstante, no tramo de Ponte Caldelas foi preciso un trámite expropiatorio, que se iniciou coa información pública do proxecto.

A plataforma da PO-234, pola súa banda, celebrou este compromiso do goberno galego e agarda que, desta volta, se cumpra coa obra o antes posible.

Con todo, expresaron a súa estrañeza polo feito de que a Xunta, finalmente, si acceda a asumir as expropiacións necesarias para executar a reforma; e advirten que continuarán en activo ata que as obras se rematen.