O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este mércores que a administración autonómica asumirá "o 60 por cento" da subida do canon que pagan 295 concellos á Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) por tonelada de lixo recollido.
É dicir, segundo o apuntado polo presidente galego, a Xunta cubrirá 24 dos 42 euros que subirá o canon, ata os 108 euros por tonelada xestionada por Sogama, a comezos de 2025 con respecto a xaneiro de 2024.
Na primeira sesión de control do Parlamento galego do novo período de sesións, Rueda avanzou que a Xunta "vai transferir" esta contía ás arcas municipais porque "os galegos non teñen que pagar polas decisións de Pedro Sánchez" a quen responsabilizou da subida dos impostos estatais que gravan as entulleiras e a incineración, como consecuencia dunha directiva europea aprobada en 2018.
"Imos evitalo", proclamou o titular do executivo galego durnate a súa intervención en resposta á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.
O modelo de transferir estes recursos aínda está en estudo.