A Xunta cofinanciará a humanización da PO-308 ao seu paso por Portonovo

Sanxenxo
10 de decembro 2021

O Concello de Sanxenxo asume a redacción do proxecto, a execución das obras e a transferencia do dominio público asociado ao treito da actuación, salvo a calzada e as beiravías

Infografía do anteproxecto de humanización da PO-308 ao seu paso polo centro de Portonovo
Infografía do anteproxecto de humanización da PO-308 ao seu paso polo centro de Portonovo / Concello de Sanxenxo

O Consello da Xunta autorizou este venres a sinatura do convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Infraestruturas e o Concello de Sanxenxo para a humanización da estrada PO-308 ao seu paso por Portonovo, cun investimento de máis de 2,3 millóns de euros.

No marco deste convenio, a Xunta achegará máis de 1,6 millóns de euros e o Concello de Sanxenxo destinará preto de 700.000 euros.

Ademais, o Concello asume a redacción do proxecto, a execución das obras e a transferencia de todo o dominio público viario asociado no treito de estrada PO-308 afectado pola actuación, salvo a calzada e as beiravías.

Tamén asumirá a titularidade da estrada PO-364, de acceso ao porto de Portonovo, ao ter características totalmente urbanas.

A intervención levarase a cabo no treito da estrada PO-308 comprendido entre os puntos quilométricos 18+960 e 19+770.

As actuacións consistirán na reordenación e na optimización do espazo público da vía coa delimitación clara do uso nas distintas zonas da rúa: pavimentación da beirarrúas, aparcadoiros e calzada cos carrís proxectados.

O proxecto tamén incluirá a creación dun itinerario peonil accesible cunha sección útil das beirarrúas.

A intervención recolle a disposición de zonas de carga e descarga, descanso, axardinadas e o correspondente mobiliario urbano.

Como traballos complementarios tamén se acometerán canalizacións subterráneas para telefonía e electricidade, así como a substitución das redes de abastecemento, saneamento e pluviais e alumeado público. Ademais, disporase a sinalización horizontal e vertical correspondente neste tramo.