A Xunta colabora con Afapo na atención a enfermos de Alzheimer cunha axuda anual de 331.000 euros

Pontevedra
04 de maio 2022

O delegado territorial, Luis López, informou da concesión da partida para este ano nunha visita ás instalacións terapéuticas e o centro de día da entidade en Pontevedra, onde foi recibido polo presidente, José Fontenla

O delegado da Xunta, Luis López, visita o centro de día de Afapo en Pontevedra Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, vai colaborar novamente este ano coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias da provincia de Pontevedra (Afapo) para o desenvolvemento de tratamentos, terapias e outros programas cunha achega de 331.301 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou da concesión desta partida, renovada no contrato asinado o pasado mes de abril, nunha visita ás instalacións terapéuticas e o centro de día na cidade de Pontevedra, onde foi recibido polo presidente de Afapo, José Fontenla, e polo persoal que presta estes servizos.

A Xunta de Galicia financia un total de 35 prazas do centro terapéutico e de día da asociación en Pontevedra cunha achega anual de 275.000 euros orientada aos programas e prestacións e tamén ao transporte adaptado dos usuarios.

Así mesmo, a Consellería de Política Social tamén destina preto de 30.000 euros por exercicio para dar cobertura ás 10 prazas concertadas que ten Afapo na unidade terapéutica de Marín e case 27.000 euros, por vez primeira este ano, para outras tantas no centro de estimulación de Moraña, que por agora están sen empregar posto que o servizo vén de iniciarse estas semanas no novo centro social de Alende, tamén reformado cunha partida autonómica de 200.000 euros.

A través das catro instalacións desta rede de atención social no centro da provincia de Pontevedra, Afapo centra os seus obxectivos na asistencia psicolóxica ás familias, o asesoramento xeral, as accións de concienciación do diagnóstico precoz e a prestación de servizos de atención personalizados.

En concreto, as iniciativas desenvolvidas para mellorar a calidade de vida das persoas enfermas de Alzhéimer e dos seus familiares son a atención social e psicolóxica, os obradoiros e terapias, o servizo de fisioterapia, os programas de asesoramento e prevención, a formación e o transporte adaptado.