A Xunta concede axudas a cinco municipios da comarca afectados polos temporais do inverno

Ponte Caldelas
08 de setembro 2016

Campo Lameiro, Cotobade, A Lama, Ponte Caldelas e Cuntis recibirán unha axuda económica para paliar os danos ocasionados polas inundacións do pasado inverno

Desbordamento do río Verdugo en Ponte Caldelas
Desbordamento do río Verdugo en Ponte Caldelas / Ricardo Castro

Un total de 28 municipios galegos, cinco deles da comarca de Pontevedra, foron incluídos na relación de axudas aprobadas pola Xunta de Galicia para paliar os danos que os temporais causaron o pasado inverno.

En concreto entran nesta relación Campo Lameiro, Cotobade, A Lama, Ponte Caldelas e Cuntis, afectados polas inundacións rexistradas nos meses de xaneiro e febreiro.

As axudas plantexáronse para pequenos concellos e vilas medianas de máis de 10.000 habitantes, sendo o criterio de selección aqueles lugares nos que se chegaron a rexistrar precipitacións de máis de 80 litros por metro cadrado en 12 horas.

As obras que se executarán centraranse na reparación de viais e na mellora de equipamentos públicos, co seguinte orzamento en función do municipio.

MUNICIPIO ORZAMENTO DE OBRA AXUDA DA XUNTA
Campo Lameiro       60.497,58 euros       35.000 euros
Cotobade       39.994,99 euros       33.053,71 euros
A Lama       42.290,77 euros       34.951,05 euros
Ponte Caldelas       42.350 euros       35.000 euros
Cuntis       86.795,72 euros       22.501,16 euros