A Xunta confirma a cesión gratuíta ao Concello de 30.000 metros cadrados en Monte Porreiro

Pontevedra
01 de outubro 2014

As superficies cedidas son case a totalidade das zonas verdes e de uso público da urbanización de vivendas de promoción pública do barrio. Tamén se cederon os traballos de reurbanización dun tramo da rúa Alemania e as prazas adxacentes, na que o IGVS investiu máis de 1,52 millóns de euros

Terrenos cedidos por la Xunta al Concello de Pontevedra en Monte Porreiro
Terrenos cedidos por la Xunta al Concello de Pontevedra en Monte Porreiro /

O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) confirma a cesión gratuíta ao Concello de Pontevedra de 29.729,62 metros cadrados de superficie que se destinará a zonas verdes e espazos libres de uso público no barrio de Monte Porreiro. 

Na cesión, que se confirmou este mércores, inclúense as obras de reurbanización da rúa Alemania, prazas adxacentes e aparcadoiros en superficie, de tal maneira que pasan a man do Concello a práctica totalidade das zonas verdes e de uso público do ámbito da urbanización de vivendas de promoción pública de Monte Porreiro. Quedan excluidas tres franxas arredor de tres dos edificios de vivendas que pertencen aos mesmos. 

As obras cedidas, financiadas pola Xunta de Galicia, consistiron na remodelación dos espazos públicos, actuando sobre a rúa e zonas de aparcadoiro adxacente para mellorar a oferta de espazos de aparcadoiro superficiais. Para iso modificouse a sección da vía, ampliáronse as beirarrúas, regulouse o aparcadoiro ao longo da calzada e realizáronse novas plantacións de arboredo.

Tamén se realizou a renovación da rede de abastecemento de auga potable, da rede de incendios e as de saneamento e pluviais, cambiáronse as luminarias e asfaltouse o viario resultante. O investimento autonómico superou os 1,52 millóns de euros, incluíndo obras de urbanización, traballos técnicos e proxecto.