A Xunta convoca aos afectados polas expropiacións da PO-551

Marín
29 de maio 2020

Convocáronse nun mesmo anuncio os actos de levantamento de actas previas para os días 2 e 3 de xullo, e os de ocupación para os días 20 e 21 de agosto. Estes procedementos realizaranse seguindo o estrito protocolo de medidas preventivas para evitar riscos de contaxio por mor da covid-19

Estrada PO-551, en Lapamán
Estrada PO-551, en Lapamán / Mónica Patxot

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de convocar os propietarios dos terreos necesarios para executar a mellora de seguridade viaria na estrada PO-551, ao seu paso polos concellos de Bueu e Marín, para os actos expropiatorios.

Dado que a dispoñibilidade de terreos é o condicionante para poder iniciar estas obras, o departamento de Infraestruturas da Xunta publicou este xoves no Boletín Oficial da Provincia a convocatoria para os actos de levantamento de actas previas, para os días 2 e 3 de xullo, e para os actos de ocupación, para os días 20 e 21 de agosto, nos concellos de Bueu e de Marín.

O procedemento de adxudicación destes traballos, cun importe de 1,2 millóns de euros, está avanzado polo que se prevé o seu comezo a finais de agosto.

O pasado mes de marzo fora convocado o levantamento de actas para avanzar na tramitación necesaria para executar esta mellora da seguridade viaria, quedando suspendido por mor da declaración do estado de alarma pola covid-19.

Con esta convocatoria reactívanse os actos expropiatorios, que se deberán realizar sempre de acordo cunhas estritas medidas preventivas do risco de contaxio por mor da covid-19 establecidas nun protocolo de seguridade aprobado polo Consello da Xunta o pasado 8 de maio.

Entre os traballos programados nesta estrada destacan a execución de dúas novas glorietas nas zonas de Lapamán e Agrelo en Bueu, así como a mellora dunha intersección no concello de Marín.

Máis en concreto, construiranse dúas glorietas no acceso á praia de Lapamán e na intersección coa estrada provincial EP-1304 e mellorarase a intersección de acceso á praia de Agrelo, no punto quilométrico 8+950. Na intervención inclúese a execución dunha senda que dará continuidade ata o acceso á praia de Lapamán.

Tamén se reforzará a sinalización dos pasos de peóns existentes nas parroquias de Cela e Bueu, coa instalación de semáforos con pulsador en dous deles e sinalización luminosa nos restantes. Estas actuacións incluíronse no proxecto, a pesar de non atoparse os pasos de peóns no treito cualificado como treito de concentración de accidentes.

Outras actuacións complementarias serán a instalación de captafaros, a substitución dos postes das barreiras e a renovación da sinalización horizontal.

Tras a análise das alegacións presentadas, o proxecto incorporou ademais novas melloras nesta actuación do departamento de Infraestruturas da Xunta.

En concreto, introduce o cambio de configuración na glorieta de Agrelo, que se desprazou á intersección contigua da inicialmente prevista para reducir a súa afección. Tamén na glorieta de Lapamán se realizou un axuste para reducir ocupación, pero de menor entidade, e mellorouse a conexión peonil coa vía de baixada á praia, habilitando ademais unha nova zona de aparcamento.

A maiores inclúese na actuación a mellora da intersección do punto quilométrico 7+320, no concello de Marín mediante a execución dunha cuña de saída que mellora a visibilidade e a seguridade.