A Xunta publica este luns no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra o anuncio polo que se convoca para o vindeiro 29 de maio aos titulares dos terreos afectados polas obras da senda entre Covelo e Raxó para o levantamento de actas previas á ocupación dos bens e dereitos afectados polas mesmas.
Os propietarios dos terreos deberán acudir o mesmo martes, día 29 de maio, entre as 09:00 e 14:00 horas, ao Concello de Poio.
Este proxecto comprende a expropiación de 46 fincas, cun custo estimado de preto de 42.000 euros, que farán posible levar a cabo esta actuación, que suporá un investimento de máis de 2 millóns de euros.
Esta actuación na estrada PO-308 permitirá completar un itinerario seguro e sustentable entre as travesías de Samieira e de Raxó, conectando coas beirarrúas xa existentes. Como obras adicionais prevese habilitar zonas de aparcadoiro, renovar a sinalización vertical e substitución dos elementos de alumeado necesarios.