A Xunta de Galicia, a través da Secretaría xeral de Urbanismo, citou para o próximo mércoles 15 ao Concello de Ponteverda co obxectivo de manter unha reunión cos promotores e técnicos do solo urbanizable para a creación do Polígono do Vao en Campañó despois de que a Consellería de Medio, Territorio e Infraestruturas remitise ao goberno local a non aprobación da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOM) para esa zona.
Segundo expón a Xunta, na orde enviada reitéranse varias cuestións que xa foran indicadas no informe previo á aprobación inicial do 8 de abril de 2014 ao entender que non foron emendadas. E dende a administración autonómica indícase que tampouco se resolveron as cuestións formuladas no informe de novembro de 2011 da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, sobre a adecuación ao Plan de Ordenación do Litoral, no que se apuntan diversos aspectos como a integración paisaxística.
A Xunta incide na necesidade de dar un tratamento axeitado á fachada do espazo cara á autoestrada. No informe apuntábase a necesidade de resolver o desnivel existente.
O sector de chan urbanizable queda, segundo a administración autonómica, dividido en dous polígonos, de 24.138 metros cadrados e de 5.642, cunha ordenación detallada de uso mixto industrial-comercial.
A modificación puntual, aprobada provisionalmente no Pleno municipal o pasado 2 de marzo, incorpora un protocolo de colaboración entre o Concello de Pontevedra e os promotores da actuación no que se garante a execución do plan.