A Xunta convoca os afectados polas obras da PO-234 entre Laxoso e Portasouto

Ponte Caldelas
22 de decembro 2022

O levantamento de actas previas fíxase para o 25 e 26 de xaneiro no salón de plenos do Concello de Ponte Caldelas e a formalización das actas de ocupación para o 28 e o 29 de marzo

Xuntanza de Ethel Vázquez cos veciños de Laxoso pola estrada PO-234
Xuntanza de Ethel Vázquez cos veciños de Laxoso pola estrada PO-234 / Xunta de Galicia

A Xunta publicou este xoves no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra a convocatoria, para xaneiro e marzo, dos actos expropiatorios para executar as obras de acondicionamento da estrada autonómica PO-234 entre Laxoso e o cruce de Portasouto, no concello de Ponte Caldelas.

Esta nova intervención da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que suporá un investimento de máis de 1 millón de euros, completará as actuacións de mellora da PO-234 entre Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas, incluíndo as obras a mellora puntual do trazado, a ampliación da calzada e a mellora das interseccións das vías públicas coa estrada autonómica.

Os actos para o levantamento de actas previas á ocupación terán lugar os días 25 e 26 de xaneiro de 2023, entre as 09:00 e as 13:45 horas, no salón de plenos do Concello de Ponte Caldelas. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo no mesmo lugar e idéntico horario os días 28 e 29 de marzo de 2023.

A intervención proxectada polo departamento de Infraestruturas da Xunta céntrase no tramo de preto de 1,6 km da PO-234, e conta cun prazo de execución de oito meses.

Máis en detalle, as actuacións comezarán polos traballos de mellora puntual do trazado e a ampliación da calzada ata os 7 metros de ancho, acadándose 2 carrís de 3 metros e 2 beiravías de 0,50 metros, co obxecto de mellorar a seguridade viaria. Tamén se intervirá nas interseccións e executaranse cunetas de seguridade e melloras da drenaxe transversal e lonxitudinal da vía. Ademais reporase a sinalización horizontal e vertical e as barreiras de seguridade flexibles.

Con esta actuación a Xunta completará o acondicionamento desta estrada autonómica que conecta os núcleos de Ponte Caldelas e Aguasantas, no municipio de Cerdedo-Cotobade, cuxas dúas primeiras fases foron xa executadas e supuxeron un investimento autonómico de preto de 1,25 millóns de euros.

A execución da mellora desta vía dividiuse en tres fases. Xa está a disposición dos veciños o tramo mellorado entre o cruce do Portasouto e Aguasantas e tamén está acondicionado o treito entre Ponte Caldelas e Laxoso.