As escalinatas da igrexa de San Francisco acollerán o vindeiro martes 27 de decembro a partir das 20:00 horas a actividade Música de Nadal para somerxer o espírito destas datas a toda a cidade.
Esta iniciativa, segundo explicou a Concellería de Benestar Social, está inspirada na tradición dos países nórdicos, polo que, en colaboración coa Xunta de Coros de Pontevedra, convidan a toda a veciñanza a sumarse a interpretar temas clásicos do Nadal, como Adeste Fideles, Noite de Paz e Benedicat Vobis.
Segundo explicou o concelleiro Marcos Rey, a Agrupación Coral de Pontevedra xurdiu no marco do Concerto pola Paz e está composta por varios coros, polo que os cidadáns que se acheguen ata San Francisco, "non só para desfrutar da música do Nadal, senón tamén para animarse a cantar, estarán guiados por xente que canta habitualmente en coros".
"Estamos a falar de pezas musicais moi coñecidas por todo o mundo, así que animo a todos os pontevedreses a sumar as súas voces e contribuír a xerar un ambiente cheo de ilusión e boa enerxía", sinalou o edil.