A Xunta de Galicia ofrece un cribado voluntario a persoal asociado a CCU Zona Monumental

Pontevedra
15 de decembro 2020

Luisa Piñeiro, delegada territorial da Xunta de Galicia, acompañada polo portavoz municipal do PP Rafa Domínguez mantiña un encontro este luns con representantes da asociación Centro Comercial Urbano Zona Monumental. Piñeiro informounos de que se conceden 176.000 euros en axudas para este colectivo e a establecementos comerciais de Pontevedra

Luisa Piñeiro, delegada territorial da Xunta, mantén un encontro cos responsables de CCU Zona Monumental
Luisa Piñeiro, delegada territorial da Xunta, mantén un encontro cos responsables de CCU Zona Monumental / Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia, a través de Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, concedeu 176.000 euros aos establecementos de Pontevedra dentro das axudas  para dixitalización e novas formas de comercialización.

Así llo comunicaba este mediodía Luisa Piñeiro, delegada da Xunta de Galicia en Pontevedra, aos representantes do Centro Comercial Urbano Zona Monumental durante a súa visita á sede deste colectivo no inicio do arranque da campaña de Nadal. Piñeiro quixo tamén comunicar o apoio do goberno da Xunta a todo o sector nestes momentos de crise económica derivada da pandemia.

Precisamente, a delegada territorial comunicou que a comunidade autónoma trasládalles unha proposta para realizar un cribado voluntaria de detección da covid-19, a través de probas  PCR, ás máis de 100 persoas asociadas que forman parte de Zona Monumental. 

"Creo que é unha boa medida dada a incidencia de Pontevedra e a necesidade de seguir axudando e apoiando, por todos os medios, ao comercio local da cidade, xa que esta proposta de control sanitario favorecerá a seguridade, outorgará tranquilidade e dará confianza á clientela", afirmaba a representante autonómica explicando que nos próximos días concretaranse os detalles desta iniciativa.

Na reunión á que tamén asistía o portavoz municipal do PP Rafa Domínguez informouse das axudas achegadas polo executivo galego, que outorgou 33.000 euros ao colectivo comercial para realización dun investimento de case 45.000 euros a executar en accións de dinamización comercial na presente campaña do Nadal e no pasado Entroido. 

Tamén, segundo explicaba Luisa Piñeiro, outorgáronse 143.226 euros en axudas a 24 establecementos comerciais da cidade para realizar iniciativas de innovación, dixitalización e novas formas de comercializar os produtos

A delegada territorial mantivo unha charla con Miguel Ángel Lago Rey, presidente de CCU Zona Monumental, e con outros integrantes do equipo desta asociación para ter coñecemento da situación do sector, marcado polos efectos socioeconómicos actuais e mostrar o seu apoio á actividade económica deste colectivo do centro histórico.

Ademais, desde a Xunta trasladouse a esta asociación comercial que as empresas asociadas a CCU Zona Monumental poden solicitar as compensacións das tres liñas do Plan de Rescate de  Autonómos da administración autonómica, que contan con ata 84 millóns de euros. O prazo de solicitude mantense ata os días 18 e 28 deste mes de decembro.