Dous anos e medio despois da presentación da solicitude diante da Consellería de Medio Ambiente, o Espazo Natural de Interese Local (ENIL) do río dos Gafos vén de ser aprobado provisionalmente polo órgano competente da Xunta de Galicia.
O ENIL do río dos Gafos é froito do empeño da exconcelleira de Medio Ambiente Natural, Celia Alonso, así como da técnico Maricarmen Casalderrey, que souberon recoller a inquietude inicial do colectivo Vaipolorío e redactar un proxecto técnico que mereceu, finalmente, o visto bo da Xunta. Xustamente o mesmo equipo político-técnico que xa acadou para Pontevedra o ENIL da Xunqueira de Alba no ano 2009.
A declaración ten carácter provisional e agora cómpre que o Concello aprobe e presente, antes de dous anos, un Plan de Conservación deste novo espazo natural.
Dende o goberno local de Pontevedra celebraron a declaración máis lamentan que a Xunta de Galicia, ao igual que xa sucedeu coa Xunqueira de Alba, se limite a aprobar o ENIL e, na mesma resolución oficial, xa advirta que non achegará nin un só euro para conservación e mantemento deste novo espazo natural, que é patrimonio de todos os galegos.
Os límites do espazo natural dos Gafos, configurado como un corredor ao longo do río, están ao Norte na rúa de Ramón Otero Pedraio (Estación de Autobuses); ao Sur coa parroquia vilaboense de Figueirido; ao Leste coa parroquia de Tomeza e, ao Oeste, coa parroquia de Salcedo. A superficie total a protexer é de 47 hectáreas.