A Xunta defende que os niveis de mercurio detectados en Lourizán "agora mesmo non superan os límites establecidos"

Pontevedra
15 de abril 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, asegura que "non existe a día de hoxe ningún risco", aínda que insta tanto a ENCE como a Elnosa, en proceso de desmantelamento, a que "sigan profundizando nos seus traballos para ver se continúa ou se vai a máis"

Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente
Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente / Mónica Patxot

A conselleira de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez, defendeu a actuación do goberno autonómico tras detectarse a presenza de  mercurio no complexo industrial de Lourizán, ocupado por ENCE.

"Teño que dicir que os parámetros están totalmente controlados e non exceden as cantidades que desde o punto de vista medioambiental poderían facer que se tivesen que tomar neste momento medidas a maiores", sinalou a conselleira.

Vázquez explicou que ENCE detectou a presenza do mineral, altamente contaminante, dentro dos "controis periódicos e exhaustivos" aos que se someten as empresas que teñen unha Autorización Ambiental Integrada e que "é o que fai que o cidadán poida estar tranquilo".

Aínda que a pasteira culpa da situación ao proceso de desmantelamento de Elnosa, autorizado pola propia Xunta e polo Ministerio de Transición Ecolóxica, o goberno autonómico afirma que se están cumprindo as medidas establecidas no mesmo con "controis que se fan día a día".

En todo caso Ángeles Vázquez mantén que "non existe a día de hoxe ningún risco, o cal non quere dicir que dende a consellería se lle instase a ENCE como a Elnosa a que sigan profundizando nos seus traballos para ver se continúa ou se vai a máis".