A Xunta desbloquea o desenvolvemento do Polígono do Vao

Pontevedra
04 de outubro 2016

O informe favorable emitido pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo é preceptivo e vinculante, correspondéndolle a aprobación definitiva da modificación puntual ao pleno municipal

Xuntanza en Santiago para desbloquear a ampliación do polígono do Vao Xunta de Galicia

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio trasladou este martes ao concello de Pontevedra o informe favorable previo á aprobación definitiva da modificación puntual do PXOU no sector de solo urbanizable A-1.2, no lugar do Vao, na parroquia de Campañó.

O informe favorable emitido pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo é preceptivo e vinculante, correspondéndolle a aprobación definitiva da modificación puntual ao pleno municipal.

O xiro da nova Lei 2/2016 do Solo de Galicia para promover a actividade económica nas áreas empresariais, establecendo que as cesións sexan fixadas no plan parcial a través das características da actuación e as súas necesidades reais, xunto coas subsanacións doutras cuestións como o impacto paisaxístico da fachada do ámbito cara a autopista, motivaron a luz verde ao proxecto.

En total, a delimitación abrangue unha superficie de 42.423,11 metros cadrados, dos cales se clasifican como solo urbanizable 29.780,19 metros cadrados e como solo rústico de protección de costas e de protección de infraestruturas 12.642,92 metros cadrados, situados entre o sector e a Xunqueira da Alba e a autoestrada AP-9, respectivamente.

Á súa vez o solo urbanizable divídese en dous polígonos: polígono A de 24.138,16 metros cadrados e polígono B de 5.642,03 metros cadrados, cunha ordenación detallada de uso mixto comercial-industrial. 

Arquivado en