A Xunta destina 200.000 euros ao Concello da Lama para a creación de 26 prazas de atención residencial e diúrna

A Lama
30 de xaneiro 2023

Este novo centro ofrecerá seis prazas de atención residencial e 20 de centro de día para que as persoas maiores desta localidade conten con servizos ao carón dos seus fogares

Fabiola García visitou as instalacións do centro de atención ás persoas maiores da Lama
Fabiola García visitou as instalacións do centro de atención ás persoas maiores da Lama / Xunta de Galicia

A Xunta destinou 200.000 euros ao Concello da Lama para a creación de 26 prazas de atención residencial e diúrna. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou este luns as novas instalacións, onde sinalou que mediante a creación deste novo servizo os veciños desta localidade poderán estar ben atendidos e coidados ao tempo que seguen vivindo no seu lugar de sempre.

O Goberno galego asinou no ano 2020 un convenio de colaboración co Concello da Lama para a construción deste centro que contará con seis prazas de atención residencial e 20 de centro de día. 

Deste xeito, mellórase a oferta de atención para darlle ás persoas maiores a oportunidade de decidir onde e como vivir esta etapa das súas vidas.

Fabiola García lembrou que a Xunta aposta por aqueles servizos de proximidade que inciden nesta capacidade de decisión das persoas maiores como o Servizo de Axuda no Fogar, que leva coidados profesionais a 27.000 fogares galegos; o programa 'Coidados porta a porta', que ofrece servizos gratuítos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria; o programa 'Xantar na casa', que facilita menús semanais, sans e equilibrados a persoas maiores que viven soas; ou as 100 casas do maior que existen por toda a Comunidade.