A Xunta e o Concello de Cotobade asinan o convenio para mellorar o saneamento de Tenorio

Cerdedo Cotobade
11 de xullo 2016

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, visitou este luns o Concello de Cotobade, onde presentou en detalle este proxecto. Os traballos incluirán a ampliación da rede de colectores, a execución de dous pozos de bombeo e a construción dunha nova depuradora

SInatura do convenio para o saneamento de Tenorio
SInatura do convenio para o saneamento de Tenorio / Xunta

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, asinaron este luns o convenio de colaboración que permitirá mellorar a rede de saneamento da parroquia de Tenorio, unha actuación na que o goberno galego investirá algo máis de 1,8 millóns de euros.

En concreto, segundo explicou Mato na súa visita a Cotobade, os traballos consistirán na mellora e ampliación da rede de colectores de saneamento da parroquia, para o que se executarán oito novos tramos dunha lonxitude total de 4 quilómetros; na execución de dous pozos de bombeo en Covas e Lérez, con 300 metros de tubaxe de impulsión; e na construción dunha nova depuradora de augas residuais, cunha capacidade para dar servizo a máis de 1.000 habitantes.

A conselleira inscribiu este proxecto na aposta firme do goberno galego a prol do abastecemento e o saneamento para todos os galegos. "A auga supón unha fonte imprescindible de vida, de saúde e de benestar que, en pleno século XXI, debería estar ao alcance de todos", subliñou.   

CENTRO DE RECUPERACIÓN DE FAUNA

Por último, Mato e Cubela analizaron a marcha do proxecto do centro de recuperación de fauna que nestes momentos ten practicamente finalizado o proxecto construtivo e que, polo tanto, a previsión é que se poidan realizar os trámites de licitación ao longo do verán.