A Xunta Electoral volve desestimar a denuncia do PP contra Miguel Fernández Lores

Pontevedra
26 de outubro 2012

Para o rexedor capitalino é toda unha satisfacción e lamentou a insistencia do grupo municipal popular. "Ao PP chamáronlle a atención nove veces esta campaña e non pasa nada", dixo

Miguel Fernández Lores enterouse da resolución da Xunta Electoral durante unha rolda de prensa
Miguel Fernández Lores enterouse da resolución da Xunta Electoral durante unha rolda de prensa / PontevedraViva

A Xunta Electoral provincial desestimou por terceira vez o recurso presentado polo Partido Popular contra a reunión que, antes da campaña electoral, mantivo o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, con colectivos sociais da cidade. Para o rexedor capitalino é toda unha satisfacción e lamentou a insistencia do grupo municipal popular. "Ao PP chamáronlle a atención nove veces esta campaña e non pasa nada".

"A min non me doen prendas de defender os posicionamientos que considero que son importantes para os cidadáns de Pontevedra e para os sectores comerciais e empresariais de Pontevedra, e se iso ten algún custo, para iso estou aquí", insistiu Fernández Lores, que recordou que convocou dita reunión ante a preocupación social polas políticas de recortes aplicadas polo Goberno central.

O PP sinala que "conseguimos el objetivo"

Pola súa banda, o voceiro municipal do PP, Jacobo Moreira, quitou ferro á resolución da Xunta Electoral provincial. Tras anunciar que non volverá recorrer esta decisión, explicou que "las elecciones ya pasaron" e que os continuos recursos dos populares "ya han conseguido el objetivo, que era que el alcalde se abstuviera de seguir haciendo mítines políticos".

Moreira asegura que desde que o Partido Popular denunciouno ante as autoridades electorais, Miguel Fernández Lores, non volveu convocar un acto de "tintes electorales" como alcalde de Pontevedra. E matiza que a resolución da Xunta Electoral entende que a reunión convocada cos axentes sociais "ralla el límite" do que marca a lei electoral.