A Xunta estrea a nova oficina agraria comarcal de Caldas tras acometer a súa remodelación

Umia
03 de maio 2022

O delegado territorial, Luis López, acompañado do alcalde, Juan Manuel Rey, visita esta nova dependencia, emprazada no edificio municipal da Escola de Música e o Obradoiro de Emprego

Oficina Agraria Comarcal de Caldas de Reis
Oficina Agraria Comarcal de Caldas de Reis / Xunta de Galicia

A Consellería do Medio Rural xa ten en marcha a nova oficina agraria comarcal de Caldas de Reis tras acometer a remodelación desta dependencia, emprazada nun edificio municipal da travesía de Dona Urraca, cun investimento de 72.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo, e do alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, visitou este martes as novas dependencias nun inmoble no que tamén se atopan a Escola Municipal de Música e o Obradoiro de Emprego, concedido tamén pola Xunta.

"É unha satisfacción dispoñer desta moderna instalación para a comarca, con todos os servizos veterinarios e administrativos do medio rural, e que xurde froito da colaboración institucional entre a Xunta e o Concello para atender axeitadamente nesta materia aos case 35.000 veciños da bisbarra de Caldas", explicou o representante autonómico. 

A Consellería do Medio Rural dispoñía da oficina agraria no Centro Comarcal da Tafona, pero facíase preciso un cambio de emprazamento para a recolocación de servizos municipais e autonómicos, polo que a Xunta e o Concello asinaron un convenio para que se puidera trasladar a este inmoble en réxime de cesión por espazo de quince anos con posibilidade de prórrogas sucesivas.

Tras a sinatura dese acordo a finais do pasado ano, a Consellería do Medio Rural destinou 72.000 euros á remodelación da dependencia, situada no andar baixo, e á dotación de mobiliario e equipamentos.

Deste xeito, a oficina agraria comarcal ocupa unha superficie de 170 metros cadrados e dispón de recepción, sala de agarda, tres despachos, sala de reunións, almacén e arquivo.