A Xunta garante aos traballadores a continuidade do casino da Toxa

O Salnés
17 de setembro 2020

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, reuníase este xoves cos membros do comité de empresa do casino da Toxa, aos que garantiu que a apertura da sala adicional do casino da Toxa en Vigo implica que se seguirá mantendo aberta a sede matriz do local, situada no concello do Grove

Reunión do vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, cos membros do comité de empresa do casino da Toxa
Reunión do vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, cos membros do comité de empresa do casino da Toxa / Xunta de Galicia

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, reuníase na mañá deste xoves cos representantes dos traballadores do casino da Toxa, aos que garantiu a continuidade da actividade no concello do Grove.

No encontro, ao que tamén asistiu o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, a Xunta garantiu aos traballadores que a apertura da sala adicional do casino da Toxa en Vigo implica que se seguirá mantendo aberta a sede matriz do local, situada no concello do Grove.

Este é un aspecto que se contemplará na futura Lei do Xogo, para a que a Xunta contará coas opinións e achegas dos traballadores do sector. Así llo trasladaba Alfonso Rueda aos membros do comité de empresa do casino da Toxa. Así mesmo, manifestáballes que o novo texto lexislativo, que permitirá actualizar a anterior lei aprobada en 1985, será elaborado tratando de acadar o máximo consenso con todos os sectores do xogo.

A Xunta impulsou unha modificación normativa na Lei de Xogo de tal xeito que se permitiría aos casinos actuais instalar unha sala adicional fóra do recinto actual e na mesma provincia, tal e como é o caso da nova sala do casino da Toxa en Vigo.

En todo caso, a condición requirida para que esa segunda sala poida entrar en funcionamento é que a sede matriz manteña a súa actividade.