A Xunta inaugura en Cotobade o Centro de Recuperación de Fauna Silvestre

Cerdedo Cotobade
14 de novembro 2018

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, avanzou este mércores que a comezos do vindeiro ano se licitarán as obras da segunda fase do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Cotobade

Inauguración do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre
Inauguración do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre / Xunta de Galicia

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, avanzou este mércores que a comezos do vindeiro ano se licitarán as obras da segunda fase do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Cotobade.

A conselleira fixo este anuncio durante a súa visita para "inaugurar este complexo medioambiental" logo do remate das obras relativas á primeira fase, nas que a Xunta investiu preto de 500.000 euros.

Con este investimento adecuouse un edificio que xa existía, para a recepción dos animais e a súa atención veterinaria; e construíuse un novo edificio destinado á recuperación dos animais e á súa preparación para devolvelos á súa contorna.

Ángeles Vázquez conclúe que, ao termo das obras, contarase cun centro de recuperación punteiro, coa tecnoloxía e cos medios máis avanzados.

Tamén sinalou que as obras da primeira fase permiten recrear o ambiente natural nas cámaras de voo, de mamíferos e de aves nocturnas. 

As obras da segunda fase incluirán a construción dun túnel de voo de case 300 metros para a recuperación de aves, así como unha zona de piscinas para as aves acuáticas.