A Xunta investirá tres millóns de euros en 16 novas sendas na comarca de Pontevedra

Marín
19 de outubro 2016

Entre os itinerarios previstos están actuacións na PO-308 que, unidas aos treitos xa previstos no Plan do Salnés, permitirán executar 6,5 quilometros de sendas peonís só no concello de Poio

Presentación do Plan de Sendas
Presentación do Plan de Sendas / Mónica Patxot

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda en funcións, Ethel Vázquez, anunciou este mércores que a Xunta investirá 3 millóns de euros na construción de 16 novas sendas seguras, sustentables e integradas na paisaxe na comarca de Pontevedra. Serán, dixo, itinerarios peonís e ciclistas "que mellorarán a seguridade viaria e a calidade de vida dos veciños, facilitando os seus desprazamentos cotiáns", sumando un total de novos 12 quilómetros de sendas.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, que acompañou á conselleira nesta presentación levada a cabo na sede da Xunta en Pontevedra explicou que "seguro" que haberá que facer expropiacións, "o que non queremos e expropiar vivendas", engadiu Ethel Vázquez.

"Agardamos a colaboración dos concellos para que nos faciliten esa xestión" dixo a conselleira.

Na súa presentación, a titular de Infraestruturas e Vivenda en funcións informou de que, unha vez definidas as actuacións que se van levar a cabo dentro do Plan de Sendas na comarca de Pontevedra a Xunta vai encargar a redacción dos proxextos que permitirán encargar as obras. Segundo dixo, antes de que remate o ano estarán en redacción os proxectos para proceder, a continuación a licitar as obras.

A creación destasa sendas ten un dobre obxectivo: por unha banda, protexer e incrementar a seguridade dos peóns e os ciclistas que transitan polas estradas autonómicas, e por outra banda, promover unha mobilidade máis sustentable.

Entre as actuacións programadas na comarca de Pontevedra destacan a mellora da seguridade viaria na PO-308, que, xunto cos itinerarios que se prevén no Plan de Sendas da comarca do Salnés, suporá a execución de 6,6 quilómetros de este tipo de actuacións só no concello de Poio.

Resaltou, tamén, que se actuará na estrada PO-531, a estrada de Vilagarcía, con 3,5 quilómetros de sendas en Sequeiros, A Devesa e O Freixo, mediante proxectos coordinados coas restantes actuacións de seguridade viaria que se están a desenvolver nesa estrada.

Así mesmo, referiuse á senda que se vai construír en Xunqueira de Alba para dar unha maior seguridade aos peregrinos que realizan o Camiño Portugués.