A Xunta inviste 65.000 euros na mellora de dous camiños en Cuntis

Umia
13 de setembro 2018

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou este xoves en Cuntis as obras executadas dentro do Plan Marco 2017-2018 a través das cales puidéronse mellorar dous camiños deste concello, onde se investiron preto de 65.000 euros

Visita aos traballos de mellora de camiños en Cuntis Xunta de Galicia

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou este xoves en Cuntis as obras executadas dentro do Plan Marco 2017-2018 a través das cales puidéronse mellorar dous camiños deste concello, onde se investiron preto de 65.000 euros.

Na visita estivo acompañado polo alcalde do municipio, Manuel Campos, e pola xefa do servizo de Infraestruturas Agrarias de Pontevedra, María José Pérez Gil.

A obra consistiu na mellora dos firmes de dous camiños, un que une O Caeiro e Arcos, cunha lonxitude é de 863 metros, e unha pista que vai de Transponte a Cuntis de 602 metros. “En total, un quilómetro e medio de melloras, con ensanche nalgúns puntos e mellora de firme”, explicou Cores Tourís.

A mellora de ambos viais foi necesaria por estar en mal estado o firme anterior, procedéndose no primeiro camiño a pavimentar con 5 centímetros de aglomerado en quente, recalce de tapas de rexistro e escavación de cunetas; e no segundo, con aplicación de triple rega asfáltica sobre unha base de pedra de dez centímetros e apertura de cunetas nos laterais do camiño.

O Plan Marco ten como obxectivo ampliar, mellorar ou manter os camiños de titularidade municipal que faciliten o acceso dos agricultores e gandeiros as súas parcelas.