A Xunta lamenta a "absoluta falta de colaboración do Concello de Poio" nas obras da estrada PO-308

Poio
01 de maio 2020

Nun comunicado de prensa a Xunta sinala que "o Goberno galego está a cumprir os seus compromisos cos veciños de Poio, acometendo o acondicionamento integral da estrada, o que contrasta coa falta de implicación do Concello na resolución dos problemas viarios do municipio"

Obras na PO-308, no treito O Covelo-Raxó
Obras na PO-308, no treito O Covelo-Raxó / Mónica Patxot

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade lamenta a "absoluta falta de colaboración do Concello de Poio" en todo o proceso de mellora da estrada principal do municipio, a PO-308, que "está a supor un antes e un despois na súa seguridade viaria".

Nun comunicado de prensa a Xunta sinala que a mellora integral que a Consellería está a acometer na estrada PO-308 ao seu paso polo concello de Poio permitiu habilitar un novo acceso ao núcleo de Raxó para os vehículos, quedando reservada a antiga vía municipal para o uso exclusivo e seguro por parte dos peóns.

"Actualmente continúa pendente de execución por parte do Concello de Poio a nova vía municipal de acceso desde Raxó, que foi facilitada a través das obras da Xunta, que tamén realizou as expropiacións", sinalan dende a Consellería.

As obras que está a impulsar o Goberno galego na PO-308 en Poio, cun investimento de máis de 7 millóns de euros, supoñen tamén o acondicionamento das interseccións.

"O Goberno galego está a cumprir os seus compromisos cos veciños de Poio, acometendo o acondicionamento integral da estrada, o que contrasta coa falta de implicación do Concello na resolución dos problemas viarios do municipio, derivados, principalmente, da carencia dun instrumento urbanístico actualizado que permita ordear e planificar a súa estrutura territorial e mobilidade", conclúen dende o departamento da consellereira Ethel Vázquez.