A Xunta licitará este verán o proxecto de renovación das beirarrúas da PO-226 en Moraña

Umia
05 de maio 2022

A conselleira Ethel Vázquez mantivo este xoves un encontro co alcalde Jose Cela no que se comprometeu tamén a executar una nova senda na PO-221 no lugar de Soar

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, recibe ao alcalde de Moraña, Jose Cela
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, recibe ao alcalde de Moraña, Jose Cela / Xunta de Galicia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informou ao alcalde de Moraña de que a Xunta prevé licitar este verán as obras de renovación de beirarrúas na estrada PO-226, cun investimento autonómico de 310.000 euros. 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade mantivo un encontro co alcalde, José Cela, no que lle trasladou que o proxecto xa está redactado e actualmente en fase de supervisión, o que permitirá iniciar a contratación dos traballos este verán, previsiblemente no mes de xullo. 

A actuación consiste na renovación das beirarrúas nun treito de 300 metros de lonxitude, desde a intersección coa PO-221 e o quilómetro 5+600 da estrada PO-226, deterioradas polo esgotamento da vida útil do pavimento, que se renovarán e adecuarán á normativa de accesibilidade. 

Segundo explicou a conselleira, a intervención inclúe a renovación dos servizos de abastecemento, saneamento e pluviais, así como o soterramento das liñas de telecomunicacións e electricidade. 

Ademais, rehabilitarase o firme dos carrís de circulación e dotarase de nova iluminación o treito obxecto da actuación. 

No encontro, a conselleira e o alcalde tamén acordaron impulsar o proxecto dunha nova senda para peóns na estrada autonómica PO-221 no lugar de Soar. Trátase de habilitar un itinerario ao longo de 200 metros da vía, nunha zona pola que transitan os rapaces e na que tamén hai unha parada de autobús. 

A nova senda peonil permitirá que os nenos, que agora transitan pola beiravía para ir á escola de educación infantil San Lourenzo, poidan facer os seus desprazamentos de xeito máis cómodo e seguro.