A Xunta ordena demoler a ponte Valbón en Perdecanai

Barro
19 de novembro 2014

Despois de sete anos de tramitación, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), resolve que o viaduto é incompatible co ordenamento urbanístico en vigor ao estar considerado sobre terreos considerados como chan rústico. Nin sequera unha modificación puntual do Plan Xeral para recualificar estes terreos resolvería a situación

Ponte de Valbón, en Perdecanai
Ponte de Valbón, en Perdecanai / PontevedraViva

Por orde da Xunta de Galicia o Concello de Barro terá que demoler a ponte de Valbón, sobre o río Areal, en Perdecanai.

Despois de sete anos de tramitación, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), resolve que o viaduto é incompatible co ordenamento urbanístico en vigor ao estar construido sobre terreos considerados como chan rústico. Nin sequera unha modificación puntual do Plan Xeral para recualificar estes terreos resolvería a situación.

A APLU entende que esta infraestrutura non é legalizable e desestimou os recursos presentado polo Concello.

A ponte que dá acceso á zona de Valbón está situada no lugar de San Antoniño, próxima ao tanatorio de Barro, e foi construída polo Concello sen ningún tipo de tramitación. Tivo un custo de construción de máis de 90.000 euros, empregando fondos do Plan Provincial da Deputación, e edificouse sobre unha parcela adquirida a un particular.

Entre outros argumentos, o goberno local de Barro alegou que o expediente xa caducara pois a última certificación de pagamento á empresa construtora ten máis de seis anos. Non obstante, o ente autonómico apóiase no informe dun dos seus inspectores do Servizo de Urbanismo que reflicte con fotografías como no momento de incoar o expediente a ponte estaba sen rematar.