A Xunta prevé iniciar en abril os trámites de contratación da primeira fase de reforma na PO-531

Barro
17 de febreiro 2016

Así llo trasladou a conselleira de Insfraestructuras, Ethel Vázquez, a veciños e alcalde de Barro nunha reunión celebrada no edificio administrativo da Xunta en Pontevedra

Reunión de Ethel Vázquez co alcalde de Barro e a plataforma da PO-531 (Arquivo)
Reunión de Ethel Vázquez co alcalde de Barro e a plataforma da PO-531 (Arquivo) / Xunta de Galicia

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, confirmou este mércores a unha representación de veciños e ao alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, que a Xunta de Galicia ten previsto iniciar en abril o proceso de contratación da reforma da PO-531.

En concreto trátase da primeira fase de actuación neste viario, iniciandose o trámite para a adquisición dos terreos necesarios para a mellora da seguridade viaria entre Pontevedra e Baión, na zona de acceso ao Polígono de Sequeiros.

Alí construirase unha nova rotonda co obxectivo de reducir a velocidade de circulación dos vehículos e evitar cruces perigosos desde o carril central no que é un dos puntos negros desta estrada.

Ademais rehabilitarase o firme no acceso ao polígono e ao núcleo de Sequeiros, habilitaranse paradas de autobús e mellorarase a sinalización e as barreiras de contención, cun orzamento total de máis de medio millón de euros, segundo informa a administración autonómica.

Na reunión, celebrada no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra, acordouse que a seguinte fase de actuación centrarase na construción doutra rotonda na Devesa, xa nomunicipio de Pontevedra.